Sunday 28 de April de 2024

A Xunta reserva 26,6 millóns de euros para optimizar os parques empresariais de Galicia en 2022


— Ángeles Vázquez lembra que a Administración galega habilitará tamén unha partida de 7,5 millóns de euros para bonificar un ano máis a adquisición de solo industrial

— Avanza que o principal beneficiario desta liña de actuación será o ámbito de Pontecesures, para o que se reservan 4,6 millóns de euros co fin de facilitar a compra e urbanización dos terreos

A Xunta reserva unha partida de 26,6 millóns de euros para impulsar actuacións co obxectivo de optimizar un mínimo dunha vintena de parques empresarias de Galicia ao longo do vindeiro exercicio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou este compromiso durante a súa visita á zona do futuro parque empresarial de Pontecesures, onde avanzou que este ámbito -de 327.000 m2 que se atopa entre a estrada N-550 e a PO-548- será o principal beneficiario.

Explicou que esta é unha das medidas que o Goberno galego brinda ao tecido empresarial, a través dos orzamentos de 2022, co fin de favorecer a implantación de novas firmas ou a expansión e ampliación das que xa facilitan emprego en Galicia.

No caso da futura área empresarial de Pontecesures, a Xunta reserva unha partida de 4,6 millóns de euros —a maior en solo empresarial do vindeiro ano— para comprar os terreos e materializar as obras de urbanización. A conselleira engadiu que tamén se actuará en ámbitos doutros concellos da provincia de Pontevedra —a cal acumula preto de 9 millóns de euros en investimentos—, como a Plisan (As Neves e Salvaterra do Miño), con máis de 1,5 millóns; Lalín, con 2,4 millóns; ou Ponte Caldelas, con 300.000 euros.

Así mesmo, tamén salientan nos presupostos do vindeiro exercicio Arteixo (4 millóns de euros); Xinzo de Limia (3,8 millóns); As Gándaras, en Lugo (1,9 millóns); San Cibrao das Viñas (1,8 millóns) ou O Corgo (1,25 millóns); sen esquecer outros parques como os localizados en Carballo, Taboada, Paderne de Allariz, Verín, Muimenta, Palas de Rei, Meira, Castro de Rei ou A Pontenova.

A conselleira detallou que esta non será a única medida dirixida a axudar aos empresarios que aposten por Galicia, xa que un ano máis o Goberno galego bonificará a adquisición de solo empresarial. No 2022 reserva unha partida de 7,5 millóns de euros dun incentivo con boa acollida, tal e como demostran os 2,3 millóns de metros cadrados bonificados desde a súa posta en marcha, o que permitiu aforrar 70 millóns de euros ao tecido empresarial.
O alcalde, Juan Manuel Vidal, trasladou o seu agradecemento á conselleira porque “coa construción deste polígono ponse fin ao déficit crónico de solo industrial que lastraba o desenvolvemento de Pontecesures”.